Thursday 09 de May de 2024

O centro social polivalente de Brión acolle este sábado unha charla formativa sobre a avespa velutina aberta a toda a veciñanza


 

Trataranse temas como o trampeo, a elaboración de atraentes e resolveranse as dúbidas dos asistentes

O Concello de Brión organiza este sábado 23 marzo unha charla formativa sobre a avespa velutina, que terá lugar ás 18:00 horas no centro social polivalente. Unha xornada aberta de xeito gratuíto a toda a veciñanza e na que se tratarán cuestións como o trampeo, a elaboración de atraentes ou como evitar que se instalen niños de velutina preto das vivendas.

A charla será impartida por José María Vázquez, investigador de campo e xerente da empresa SERPA control de pragas. Ademais de resolver as dúbidas dos presentes, Vázquez explicará o ciclo da velutina, así como técnicas de trampeo de raíñas velutinas orientadas tanto á veciñanza en xeral como a apicultores en particular. Así mesmo, explicará como elaborar distintos tipos de trampas e atraentes para que sexan máis efectivas.